Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 30 de xuño de 2020 Páx. 25696

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, de reposición de servizos para atender as novas necesidades de mobilidade.

A Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 6 de maio de 2020 pola que se aproban medidas para aplicar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 8 de maio, regula as medidas para adoptar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, cara a realizar unha transición paulatina ao levantamento das restricións implantadas por causa da COVID-19.

Neste sentido, establece o artigo 3 da indicada orde que, co obxecto de realizar unha transición progresiva ao levantamento das restricións implantadas por causa da COVID-19, será preciso avanzar nunha reactivación paulatina da actividade de transporte, que se establecerá en función da evolución epidemiolóxica en que se atopan diferentes unidades territoriais nas cales, para tal fin, se divida a Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola súa parte, o primeiro punto do artigo 11 da Orde do 6 de maio de 2020 regula o volume da oferta dos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia que están sometidos a contrato público ou a obrigas de servizo público, diferenciando entre servizos de transporte que desenvolvan a súa actividade dentro da mesma unidade territorial e servizos de transporte que desenvolvan a súa actividade entre dúas unidades territoriais diferentes.

No momento de entrada en vigor da Orde do 6 de maio de 2020, o 11 de maio de 2020, a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia atopábase na denominada fase I do plan de desescalada, cunha significativa limitación da mobilidade interprovincial. Posteriormente, ante a favorable evolución na situación epidemiolóxica, procedeuse xa a un incremento no volume de oferta de servizos públicos de transporte tanto no ámbito intraprovincial como no interprovincial. Paralelamente, a mellora das condicións sanitarias permitiu que as medidas preventivas consistentes nunha minoración da capacidade dos medios de transporte público fosen deixando paso a outras medidas, como o uso de máscaras, que non inciden de xeito restritivo nas condicións de prestación dos servizos.

Neste momento, xa superada a declaración do estado de alarma e recuperados uns mínimos niveis de mobilidade no conxunto da Comunidade Autónoma, cómpre establecer un novo avance na recuperación dos servizos públicos de transporte, de xeito que estes acaden a súa normalidade plena en canto os servizos intraprovinciais e os interprovinciais dean paso a un nivel de prestación equivalente ao que actualmente xa estaban a prestar os primeiros.

Para tal fin, a disposición derradeira primeira da Orde do 6 de maio de 2020 habilita a Dirección Xeral de Mobilidade para resolver sobre a flexibilización ou o levantamento das medidas, restricións e parámetros indicados na dita orde, en función da evolución epidemiolóxica, coa finalidade de garantir a acomodación da oferta de transporte ás necesidades esenciais da poboación, engadindo que esas resolucións, que poderán ser ditadas sen necesidade de ningún procedemento administrativo previo, resultarán inmediatamente executivas.

Polo exposto, con base na habilitación establecida pola disposición derradeira primeira da Orde do 6 de maio de 2020,

RESOLVO:

Primeiro. Con efectos desde o 1 de xullo de 2020, o volume de servizos de transporte que desenvolvan a súa actividade dentro dunha mesma provincia deberán prestarse segundo as condicións das concesións e/ou contratos vixentes, recuperando así o 100 % da oferta de servizos de transporte que figura en tales contratos.

Segundo. Aqueles concesionarios de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral que teñan tráficos interprovinciais adaptarán a súa oferta de servizos para a prestación desde o 1 de xullo de 2020 dun mínimo do 80 % dos servizos que deberían prestar en condicións de normalidade, de tal xeito que se garanta á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e centros de traballo.

O réxime de explotación dos servizos interprovinciais afectados por esta resolución será comunicado á Dirección Xeral de Mobilidade, empregando exclusivamente medios electrónicos e anexando unha declaración responsable na cal a persoa que teña a representación legal do operador manifeste expresamente que esa explotación se adapta plenamente aos criterios establecidos na Orde do 6 de maio de 2020 e nesta resolución.

Esa comunicación cursarase no prazo máximo de vinte e catro horas desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos desde o 1 de xullo de 2020. Non obstante, cando por razóns técnicas ou operativas non resulte viable a aplicación e comunicación do réxime establecido para a explotación do servizo no prazo sinalado, efectuarase o axuste no prazo máis rápido posible, que non poderá durar máis de tres (3) días naturais desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Consonte o establecido na disposición derradeira primeira da Orde do 6 de maio de  2020, a presente resolución ten carácter inmediatamente executivo.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ante este mesmo órgano administrativo, ou ben, alternativamente, poderá ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, computado do mesmo xeito.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade