Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 7 de maio de 2021 Páx. 23054

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, de reposición dos servizos para atender as novas necesidades de mobilidade.

A Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 6 de maio de 2020, pola que se aproban as medidas que se aplicarán nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 8 de maio, regula as medidas que se van adoptar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia para realizar unha transición paulatina ao levantamento das restricións implantadas por causa da COVID-19.

Neste sentido, establece o artigo 3 da indicada orde que, co obxecto de realizar unha transición paulatina ao levantamento das restricións implantadas por causa da COVID-19, será preciso avanzar nunha reactivación paulatina da actividade de transporte, que se establecerá en función da evolución epidemiolóxica en que se atopan diferentes unidades territoriais nas cales, para tal fin, se divida a Comunidade Autónoma de Galicia.

No momento de entrada en vigor da Orde do 6 de maio de 2020, o 11 de maio de 2020, atopábase limitada a posibilidade de realizar desprazamentos interprovinciais, o que motivou unha maior restrición da oferta dos servizos públicos de transporte desta clase; mais, a evolución da situación sociosanitaria xa motivou que, mediante a Resolución do 23 de xuño de 2020, se incrementasen os servizos interprovinciais que debían ser prestados ata un mínimo do 80 % dos que deberían ser prestados en condicións de normalidade.

Con posterioridade, a evolución experimentada pola pandemia nos sucesivos meses xustificou a necesidade de novas medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Neste contexto aprobouse a Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 3 de febreiro de 2021, pola que se habilitan determinadas medidas en relación coa COVID-19 no ámbito dos servizos de transporte público regular interurbano de viaxeiros, que estableceu a posibilidade para os concesionarios dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral de viaxeiros por estrada de titularidade da Xunta de Galicia de reformular a oferta de servizos establecida no correspondente contrato de concesión, reducíndoa, baixo determinadas condicións, ata nun cincuenta por cento das circulacións correspondentes a cada sentido de ida e/ou de volta.

Na actualidade, tendo en conta que o 9 de maio de 2021 conclúe a prórroga do estado de alarma prevista no Real decreto 956/2020, do 25 de outubro, e que estamos nun proceso de mellora das condicións sanitarias, que permiten o mantemento de condicións de mobilidade máis normalizadas, decaeron as circunstancias que xustificaron a devandita redución e procede que se preste na súa totalidade a oferta de servizos establecida nos correspondentes contratos de concesión de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral de titularidade da Xunta de Galicia.

Para tal fin, a disposición derradeira primeira da Orde do 6 de maio de 2020 habilita a Dirección Xeral de Mobilidade para resolver sobre a flexibilización ou o levantamento das medidas, restricións e parámetros indicados na citada orde, en función da evolución epidemiolóxica.

Polo exposto, con base na habilitación establecida pola disposición derradeira primeira da Orde do 6 de maio de 2020,

RESOLVO:

Acordar a reposición, con efectos do 10 de maio de 2021, de todos aqueles servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral que foron obxecto de reducións como consecuencia da COVID-19 comunicadas polos concesionarios dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral de titularidade da Xunta de Galicia, polo que pasará a prestarse a totalidade da oferta de servizos establecida nos correspondentes contratos de concesión.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante este mesmo órgano administrativo, ou ben, alternativamente, poderá ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, computado do mesmo xeito.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade