Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 15 de setembro de 2020 Páx. 36109

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2020, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-552, treito Carballo-Coristanco, puntos quilométricos 32+620-34+400, de clave AC/16/082.06.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data de 20 de marzo de 2020, a Xunta de Galicia declarou de utilidade pública e urxente ocupación os bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na AC-552, treito Carballo-Coristanco, puntos quilométricos 32+620-34+400, de clave AC/16/082.06, nos concellos de Carballo e Coristanco, por Decreto 68/2020, publicado no Diario Oficial de Galicia do 5 de maio de 2020.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG nº 179, do 20 de setembro de 2017, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Carballo e Coristanco para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Carballo.

Lugar: Forum Carballo (praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n, 15100 Carballo).

Data: 5, 6 e 7 de outubro de 2020, das 10.30 ás 13.00 horas.

Termo municipal de Coristanco.

Lugar: Casa Consistorial do Concello de Coristanco.

Data: 8 de outubro de 2020, das 10.30 ás 11.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos nos concellos de Carballo e Coristanco, e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Web/Contidos/Aviso/aviso_0184.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados do levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e achegarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Poderán ir acompañados pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Co fin de que os actos derivados dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, serán aplicables as medidas de prevención recollidas no anexo da Resolución do 12 de xuño de 2020 e posteriores modificacións, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID- 19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

En todo caso, cómpre pór en coñecemento dos interesados as seguintes indicacións:

• Os interesados poderán confirmar a data e hora fixadas para a realización do acto ou, de ser o caso, de concorreren motivos de inconveniencia por razóns de saúde e/ou de adopción de medidas que afecten favorablemente a prevención de contaxios, poderán propor outro horario diferente para el, logo de cita confirmada polo persoal de contacto.

• No momento da atención, tanto o persoal da Administración e da Asistencia Técnica como o expropiado usarán máscara de protección, respectando en todo momento a distancia de seguridade fixada. Para tales efectos, establécese a obriga de asistir ao acto provistos de máscara de hixiene adecuada e etiqueta respiratoria. Porén, disporase de máscara por parte da Administración no caso de que os expropiados non dispoñan dela.

• En caso de detectarse posibles síntomas compatibles coa COVID-19 nalgunha persoa presente, seguiranse obrigatoriamente as indicacións realizadas polas autoridades sanitarias para o efecto.

• Deberán asistir unicamente as persoas estritamente necesarias para a realización do trámite.

• Establécese a obriga de permanecer no local de reunión o tempo estritamente necesario.

• Non se poderá acudir no caso de presentar febre (>37º) ou síntomas de problemas respiratorios.

A Coruña, 3 de setembro de 2020

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña