Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2021 Páx. 1474

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 233/2020, do 23 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Mellora da capacidade do enlace da vía de altas prestacións (VAP) AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo, de clave PO/18/119.01, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Antecedentes.

Primeiro. O día 6 de marzo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 45) o Anuncio do 20 de febreiro de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Mellora da capacidade do enlace da vía de altas prestacións (VAP) AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo, de clave PO/18/119.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 9 de decembro de 2020 apróbase o expediente de información pública do proxecto de construción denominado Mellora da capacidade do enlace da VAP AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo, de clave PO/18/119.01. Posteriormente, o 14 de decembro de 2020 apróbase definivamente o proxecto de construción denominado Mellora da capacidade do enlace da VAP AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo, de clave PO/18/119.01.

O presente proxecto ten por obxecto mellorar a capacidade do ramal de enlace de saída da VG-4.1 en dirección Sanxenxo, para o que se proxecta a modificación do ramal existente partindo da estrutura sobre a actual PO-504, desenvolvendo un ramal cun raio de xiro adecuado e ampliando a calzada no treito da estrada entre a glorieta do enlace de Sanxenxo e da PO-504, eliminando o stop existente e dotándoo dun carril adicional, o que permite aumentar a capacidade e unha mellora considerable do fluxo do tráfico.

A solución é compatible co futuro desdobramento da VG-4.1 recollido no proxecto de trazado de desdobramento da VG-4.1 (AG-41)-A Lanzada (PO-550), de clave PO/08/146.00.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Mellora da capacidade do enlace da VAP AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo, de clave PO/18/119.01.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade