Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 23 de outubro de 2020 Páx. 42401

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2020 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública do documento Revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia Costa (ciclo 2021-2027)-fase 2.

A Directiva 2007/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación, trasposta ao noso ordenamento xurídico polo Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación, ten como principais obxectivos obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas das inundacións. Para obter estes obxectivos, define como ferramenta principal o plan de xestión do risco de inundación.

O 22 de xaneiro de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. Segundo a disposición derradeira segunda do Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, o plan deberá ser revisado e actualizado o máis tardar o 22 de decembro de 2021 e, a seguir, cada seis anos.

Deberanse actualizar e revisar tamén, segundo indica o artigo 21 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, as restantes fases de implantación da Directiva 2007/60/CE, do 23 de outubro de 2007, a avaliación preliminar do risco de inundación (EPRI) e os mapas de perigosidade e risco de inundación (MAPRI).

O artigo 10.2 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, referido á cartografía de perigosidade e risco de inundación, determina que os mapas de perigosidade e risco de inundación se someterán a consulta pública durante un prazo mínimo de tres meses.

Augas de Galicia está a traballar na revisión e actualización dos devanditos mapas, polo que conforme o citado artigo, esta dirección

RESOLVE:

Someter a consulta pública durante un prazo de tres meses o documento «Revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia Costa (ciclo 2021-2027)» correspondente á fase 2, que comprende:

• A revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundación de todas as áreas de risco potencial significativo de inundacións (ARPSI) correspondentes ao ciclo 2015-2021, que aínda non foron sometidas a consulta pública.

• A delimitación do dominio público hidráulico cartográfico e as súas zonas de proteción, así como a zona de fluxo preferente, asociada ás novas ARPSI e ampliacións, definidas para o novo ciclo 2021-2027, e a revisión e actualización das ARPSI definidas no ciclo 2015-2021.

A presente consulta pública inclúe os mapas de perigosidade e risco de inundación dos escenarios marcados pola Directiva 2007/60/CE, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e xestión do risco de inundación, e a delimitación do dominio público hidráulico cartográfico e as súas zonas proteción, así como a zona de fluxo preferente, tal e como marca o Real decreto 903/2010, do 9 de xullo.

Dada a magnitude desta información, o proceso de pór en consulta pública destes mapas realízase de forma progresiva nas sedes e na páxina web do organismo de bacía e agora anúnciase o comezo da fase 2 de consulta pública.

O sometido a consulta pública é un documento explicativo da metodoloxía empregada na actualización e revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundación (MAPRI) da demarcación hidrográfica Galicia Costa do ciclo 2021-2027 e unha serie de información xeográfica que se poderá visualizar ou descargar a través do visor xeográfico da infraestrutura de datos espaciais da demarcación hidrográfica Galicia Costa (IDE-DHGC), que pode consultarse na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente https://augasdegalicia.xunta.gal/). Dentro do visor, a información xeorreferenciada sometida a consulta pública atópase baixo a epígrafe D2007/60 Mapas Inundables Fluviais ciclo 2021-2027 CP fase 2.

Os mapas de perigosidade e risco de inundación poderánse consultar durante un período de tres (3) meses, contados desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, dentro dese prazo, poderanse realizar as achegas e formular cantas observacións e suxestións se consideren convenientes, dirixidas ao organismo de bacía, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administraciones públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerese como destinatario do formulario a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e Ordenación do Territorio e, dentro desta, Augas de Galicia.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento da súa publicación no marco deste proceso participativo. O tratamento dos datos persoais suxeitarase ao disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición cubrindo a debida solicitude dirixida a Augas de Galicia.

Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico augasdegalicia.dma@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2020

María Teresa Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia