Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 19 de xullo de 2022 Páx. 40488

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 6 de xullo de 2022 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 15 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2022, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

O día 28 de decembro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 15 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco e se convocan para o exercicio 2022, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

A finalidade da dita orde é favorecer o cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade, contribuíndo a garantir a mobilidade no transporte público de toda a cidadanía. Así mesmo, preténdese fomentar o uso de vehículos taxi de tipo emisións cero e eco co obxecto de reducir as emisións gasosas no tráfico de vehículos.

Na dita orde prevíase que as subvencións que se establezan para as actuacións obxecto destas axudas contarían cun orzamento de 500.000 euros financiados con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros; para taxi de cero emisións, de 6.000 euros, e para taxi ECO, de 4.000 euros.

O artigo 5.4 da orde establece que o prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de outubro de 2022, non obstante na actualidade xa se superou amplamente o número de solicitudes para as cales existe cobertura orzamentaria suficiente para as liñas de taxi adaptado (Eurotaxi) e taxi eco, o que permite constatar o interese do sector profesional pola mellora tanto da accesibilidade nos seus vehículos, así como o seu compromiso co ambiente e a redución das emisións de gases contaminantes.

O artigo 3.2 da orde establece que a contía total máxima de subvencións concedidas entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que prevé, entre outras posibilidades de modificación orzamentaria, a da ampliación de crédito para atender as solicitude que se presenten. Visto o número de solicitudes presentadas, e o beneficio que suporá para o conxunto da sociedade tanto a incorporación progresiva de cada vez máis taxis adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida, así como a introdución de vehículos máis eficientes en termos de emisión de gases contaminantes, considérase conveniente realizar unha ampliación do crédito destinado a favorecer estes dous obxectivos.

De acordo co exposto e de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 15 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco e se convocan para o exercicio 2022, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A), Diario Oficial de Galicia núm. 248, do 28 de decembro, por un importe de 400.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 900.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destas axudas.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade