Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42575

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2019, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de actualización do proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (punto quilométrico 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06.1, no concello de Sanxenxo.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu número 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 14 de febreiro de 2019, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de actualización do proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (p.q. 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06.1, no concello de Sanxenxo, mediante o Decreto 7/2019, publicado no Diario Oficial de Galicia do 1 de marzo.

A tramitación do expediente expropiatorio débese axustar ao disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu regulamento, do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG nº 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Sanxenxo, para que comparezan no lugar, na data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Sanxenxo.

Lugar: salón de plenos do Concello de Sanxenxo (rúa Consistorio, 4-6).

Data: 29 de outubro de 2019, das 10.00 ás 14.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Sanxenxo e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra (avenida María Victoria Moreno, 43-1º, 36003 Pontevedra), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?p_p_id=ipecos_opencms_portlet_INSTANCE_Ps5C&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_col_id=column-1&p_p_col_count=1&_ipecos_opencms_portlet_INSTANCE_Ps5C_content=%2Fopencms%2FPortal-Web%2FContidos%2FAviso%2Faviso_0116.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Poderán ir acompañados, pola súa conta, se o consideran oportuno, de peritos ou notario.

Pontevedra, 6 de setembro de 2019

Fausto Núñez Vilar
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra