Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 8 de agosto de 2019 Páx. 36118

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 96/2019, do 26 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilagarcía de Arousa dun treito da estrada PO-549 e da rotonda denominada Glorieta da Mariña Española.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Vilagarcía de Arousa solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a transferencia de titularidade do treito da estrada autonómica PO-549 desde a Glorieta da Mariña Española ata a Rotonda de Pablo Picasso, ambas as dúas incluídas.

O treito que solicita o concello coincide co treito inicial da estrada PO-549, discorre por solo clasificado como urbano polo vixente PXOM do Concello de Vilagarcía de Arousa, conta con marcadas características urbanas, está integrado no tecido urbano do núcleo de Vilagarcía de Arousa e o seu tráfico rodado é principalmente de ámbito local. A transferencia debe ser desde a rotonda do punto quilométrico 0+000 da PO-549, que se denomina Glorieta da Mariña Española, ata o punto quilométrico 0+710 da propia PO-549.

Por outra banda, a rotonda denominada Rotonda de Pablo Picasso atópase entre os puntos quilométricos 0+710 e 0+750 da PO-549. A súa titularidade é estatal xa que se corresponde coa N-640.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xullo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilagarcía de Arousa de:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

PO-549

Vilagarcía de Arousa (PO-301) – Cambados (VG-4.3)

0+000

X=519.160

Y=4.715.481

0+710

X=518.553

Y=4.715.191

-

Glorieta da Mariña Española

(nó viario entre o inicio da PO-549 e o final da PO-301)

-

-

-

-

– Modificar o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade autonómica, corrixindo a nomenclatura da PO-301 e da PO-549 do seguinte xeito:

Estrada

Rede

Denominación

Clave anterior

PO-301

PC

Ponte Arnelas (PO-300) – Vilagarcía de Arousa

PO-301

PO-549

PB

Vilagarcía de Arousa (N-640) – Cambados (VG-4.3)

C-550

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vilagarcía de Arousa deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Vilagarcía de Arousa, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade